Café

Unha cunca de café
moi negro,
ben quente,
con moito azucre.

As persianas baixas na cociña.
Zoa o vento.

Invernía.

Esparexida no vento a turba
na mañá.
Tres dias van xa coa galerna.
.
Un grolo de café,
moi negro,
ben quente,
con moito azucre,
pousado,
formando un iceberg no fondo da cunca.

Zoa o vento,
borralla na lareira,
tres dias e tres noites de galerna.

Tarde verde

Nesta tarde verde, lenta, fría
de inverno
dormen quedos os recordos
acochados nas paredes da casa.

O cuarto transparente mira á ría
o mar gris cinsento
debuxa unha corredoira prateada
máis alá do horizonte.

Un regueiro de lembranzas cristalinas
conxeladas na memoria do tempo
escorrega
na luz do solsticio de inverno.

No prado a carón da casa
as árbores caladas coma estatuas
texen sonos na xeada de cristal.

Voa a tarde cara a noite
e queda o mundo soterrado
na sombra doutras neves,
doutros invernos.

Os teus ollos

Os teus ollos grises,
pechados,
fundidos coa choiva ácida
no ceo cor do aluminio.

Ácido con cheiro a chumbo
lixa a atmosfera enrarecida da vila,
as rúas e bares que frecuentabas.

Coa chegada das largas tardes do verán
azuis,
mornas,
escóitanse notas de cristal
conxeladas no transcurso das horas.

Un tras outro pasan os meses e os anos
paseniño,
mais sen pausa,
case que sen espacio entre os dias e as noites.

Algunha vez,
quizais,
chegará o día
en que acepte que marchaches
e probablemente xamais retornarás.

Noite

Pegadas de recordos xeados,
cristalizados,
no curruncho do tempo.
Sentada a carón da fiestra
agardo a noite sen estrelas;
quedas,
sen pulso,
transcorren as horas indiferentes.

No mencer gris
esperto
sen ti.
Cara a outro día vacío
sen a túa presenza,
sen o teu latexo,
días mortos
no máis profundo do inverno eterno.